Sitio estático ou sitio dinámico?

Decidindo o tipo de sitio web que precisamos

Publicado por José A. Cidre Bardelás o 24-08-2018

Contido

Escollendo entre crear un sitio dinámico ou estático.

Hai 20 anos non había problemas no momento de decidirmos diante dun “dilema” como do que estamos a falar. Os sitios dinámicos eran certamente escasos e máis aínda as empresas ou persoas que desexaban ter presenza na web. Mais as cousas foron evolucionando rapidamente e tanto os desexos de contar con sitio web propio como as opcións dispoñíbeis aumentaron exponencialmente, creando dúbidas sobre a posibilidade máis axeitada para o propio caso.

E cal é o criterio para facer unha boa escolla?. Imos escribir un pouco sobre iso.

Escorrentando moscas a pedradas

A opción habitual hoxe en día é botar mao dun xestor de contidos, un sitio dinámico. Sen dúbida é unha opción moi acaída para webs que precisen personalizar a resposta segundo a interacción cos visitantes, ben por seren comercios online, precisar foros ou contidos xerados automaticamente, crear comunidades de usuarios, ofrecer determinados servizos en liña, etc. Para estes casos, a mellor opción segundo a miña experiencia ven sendo o Joomla!, un CMS robusto, flexíbel, razoabelmente seguro, personalizábel, fácil de ampliar/estender e cun nivel alto de usabilidade (UX).

Porén, en moitos casos hai pequenas empresas ou persoas que non precisan tanta ferramenta, ou non teñen previsto un movemento excesivo no seu web, pois veno como un cartón de visita no que pousar un mínimo de materiais. Talvez unha mostra do seu traballo, oferta de servizos e un formulario de contacto.

Neste último caso un CMS acaba infrautilizado, consumindo excesivos recursos e, o que é peor, desactualizado e vulnerábel ante ataques que poden comprometer a integridade do sitio. E non é moi positivo para as primeiras impresións que podan ter os visitantes un web con información cuestionábel ou non funcional. Porque non esquezamos que, na grande maioría, os sitios webs son unha presentación máis de negocios na procura de posíbeis clientes.

Volvendo á orixes

Unha posibilidade lóxica sería prescindir dos CMS para pequenos webs cun nivel alto de estatismo. Podemos empregar simplemente HTML para crear ese web básico, pero pode resultar certamente pesado.

E hai alternativas?. Hainas, si. Un exemplo é botar mao do framework Hugo, unha ferramenta para crear sitios estáticos cun punto de dinamismo.

Hugo non precisa un servidor moi potente o requintado (xera código HTML) e permite actualizar o sitio de maneira doada, que mesmo pode automatizarse.

Pódese engadir un formulario de contacto mediante algunha ferramenta externa ou un mínimo script PHP e xa temos un sitio web de aspecto perfectamente profesional, moderno e, importante para moitos usuarios, máis económico tanto na súa creación como no seu mantemento que o uso dun CMS.

A próxima vez que instaledes un WordPress para un web informativo ou un blogue persoal, pensade se é imprescindíbel ou se podería abondar con botar mao do Hugo.


comments powered by Disqus