O rural galego. Arquitectura e contexto

Por un rural vivo, tradicional e moderno

Publicado por José A. Cidre Bardelás o 02-05-2021

Contido

Evolucionan os problemas do rural galego?.

Hai pouco máis de 11 anos, entrevistáronme a respecto da coxuntura que causaba a venda masiva de aldeas galegas enteiras. Relendo o texto, parece que a actualidade do mesmo non diminuiu, antes ben, ao contrario, é perfectamente aplicábel á realidade actual, aínda que talvez haxa que engadir algunhas cuestións mínimas.

Por exemplo, no apartado de solucións, hoxe en día é case que imprescindíbel o desdobramento efectivo da fibra con conexións de rede alta velocidade se queremos fomentar o estebelecemento de I+D+i no rural e rurbán galego. Poñer ao día os servizos de todo tipo, canda a implantación practicamente forzada do teletraballo pola situación actual, pode ser unha oportunidade única para poñer definitivamente en valor o ámbito rural e rurbán galego e darlle pulo á economía xeral do país.

Curioso ver como unha das solucións xa apuntadas hai tanto tempo, que fala de renovábeis a escala humana, parece referirse directamente ao crecemento descontrolado actual de parques eólicos e similares. Seica non é preciso ser adiviño para ver o futuro, segundo como vaia o presente…

Sen máis, pasamos á entrevista:

Que suporía para a arquitectura tradicional galega que núcleos do rural fosen comprados por enteiro para convertelos en reclamos turísticos?

Esa cuestión pódese enfocar dende varios puntos de vista, seguramente todos interesados, mais a cuestión é tentar acadar un amplo abano na valoración da cuestión.

É claro que, tanto os promotores como os implicados en xeral no artellamento desta liña de actividades, defenden as posibilidades de recuperación que supoñen os proxectos de rehabilitación de núcleos rurais que, sen eles, ficarían talvez en ruínas condenadas á desaparición. Certamente é algo que non podemos negar, aínda que ás veces a recuperación e posta en valor destes conxuntos non axuda para nada á súa dignificación, e acaban por seren simples parques temáticos á imaxe de vellos museos de reproducións que nin explican a súa orixe nin o seu funcionamento, perdendo todo o sentido.

Os usos mudaron moito, ninguén o pode negar, mais cunha profunda análise pódense tirar elementos comúns que guíe a rehabilitación, e non falo de elementos técnicos, senón arquitectónicos e sociais. As formas arquitectónicas tradicionais da Galiza xurdiron como produto dunha armazón social característica, dunhas relacións, actividades, mesmo dunhas necesidades concretas. Que acontece se recuperamos formas xeradas por ese crisol de influencias cando xa desapareceron? Pois que fican baleiras de contido, e acaban sendo un decorado obsoleto nunha obra de teatro efémera. Unha obra de teatro que depende dos actores, e estes dos ciclos aos que se ve sometida a actividade turística, coa inestabilidade que iso supón. E todo sen esquecérmonos dese perigo real da vulgarización do Patrimonio ao converterse nunha pura atracción sen sentido propio.

Aos ollos dun experto que consecuencias podería ter este modelo urbanístico de rehabilitación baseada no comercio/mercado do núcleo de poboación restaurado?

Todo depende da intensidade e da mestura de usos que se lle dea, así como da calidade das rehabilitacións que se fagan.

Unha cousa que deberíamos diferenciar é entre restauración e rehabilitación. Cando falamos de restauración estamos a falar dun proceso de recuperación o máis semellante ao orixinal posíbel co obxectivo de, ou ben recuperar as actividades que xeraron esa forma arquitectónica, ou ben recuperar a súa memoria e ofrecelas como información da historia pasada ás xeracións actuais e futuras. Pola contra, a rehabilitación supón unha recuperación con vistas a servir a novas actividades, moitas veces sen relación coas orixinais e, en moitos casos, unha alteración das “regras do xogo” que crearon o espazo arquitectónico. Aquí o resultado vai depender da habilidade e do traballo de estudo e reinterpretación que se faga, pois a dificultade é maior por unha ampla esixencia no programa de uso. Ao respecto, temos claro o difícil que resultaría, por exemplo, rehabilitar a Catedral de Santiago para o seu uso como Parlamento Galego. Pois nas aldeas galegas ocorre outro tanto.

Así, adoitamos ver casos de rehabilitación que deixan conxuntos que nada teñen que ver co orixinal, mais tampouco moito sentido coas circunstancias actuais. Quer dicir que entre a rehabilitación e a construción ‘ex novo’ tal vez for a segunda a mellor opción, pois se o proceso de recuperación non axuda á posta en valor do que de tradicional e propio ten o ente sobre o que e actúa de pouco serve.

O traballo de recuperación, pois, debe ser moi mesurado e equilibrado xa que, caso contrario, pódese ir dende unha “momificación” inservíbel até un “pastiche” fóra de lugar as máis das veces sen relación co contorno.

O problema é, que grande parte dos inversores son foráneos e adoitan tamén facer uso de proxectistas alleos, polo que con frecuencia os resultados pertencen á definición do pastiche, con espazos desvirtuados, proporcións erróneas e elementos ou referencias pouco harmoniosas co conxunto territorial e o espírito propio. Mesmo moitas veces, vendo os resultados de certos proxectos de intervención en enclaves galegos temos a impresión de estar vendo unha aldea dos montes suízos ou pirenaicos…

A sorte é que, normalmente, non se modifica a propia base da trama organizativa así como tampouco a volumetría externa, o que supón unha boa nova cara á integridade de ordenación do territorio. Mais todo depende tamén do estado de conservación e das posibilidades de identificar o existente e xustificar a actuación como recuperación ou troco e o que pode ser correcto ou non.

O uso turístico de que xeito podería garantir a preservación das aldeas?

O uso turístico en exclusiva pode chegar a garantir a pervivencia dunha parte das aldeas, mais nunca do 100% e dun xeito estritamente sostíbel talvez sexa moi inferior ao que poidamos pensar. A verdadeira sustentabilidade para núcleos rurais pasa por un troco de mentalidade, a mestura de usos e a extensión do concepto de “aloxamento compartido”.

Agora mesmo o concepto de “turismo rural” está baseado na recuperación dunhas edificacións e o seu uso de lecer de xeito exclusivo, mesmo fixando períodos máximos de estancia e definicións do aloxamento compartido nuns ámbitos moi limitados, semella que dentro dunha idea de casa de labranza unicamente. Para nada se ten en conta a posibilidade dunha actividade produtiva actual. Mais, non sería mala idea a creación dunha rede de postos de traballo ou tele-traballo distribuída por todos os núcleos rurais da Galiza que permitise a coexistencia de rede produtiva, estancia temporal e turismo. O problema é que a actual infraestrutura de transportes e telecomunicacións galegas é completamente deficitaria para pensar en artellar un proxecto serio ao respecto.

Que normativa pesaría neste momento sobre estes asentamentos? Sería garante dunha óptima conservación destes núcleos?

Canto á normativa, basicamente podemos citar o Decreto 191/2004 de 29 de xullo sobre establecementos de turismo rural, e un sarillo de normativa urbanística e de protección do medio rural, no seu caso, de aplicación en cada zona (Lei 10/1995 de 23 de novembro de ordenación do territorio da Galiza; Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural da Galiza coas modificacións introducidas por: lei 15/2004 do 29 de decembro , lei 6/2007 do 11 de maio de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galiza , lei 6/2008 do 19 de xuño de medidas urxentes en materia de vivenda e solo , etc.).

Con tal rosario de leis semella que a protección estaría máis que garantida, mais o certo é que unha grande cantidade de importantes cuestións quedan a criterio da Administración, co que nada impide que se poidan autorizar actuacións desafortunadas arquitectónica e socialmente mentres cumpran cuns requirimentos mínimos de “bo oficio”. Aínda, mesmo algunhas cuestións da propia normativa impiden o desenvolvemento do modelo fóra dos parámetros da casa de turismo rural con actividades típicas, e mesmo esixindo que se cumpra un número mínimo delas (camiñadas, rutas a cabalo, bicicletas, quads, piscina, tenis, baloncesto, golf, etc.). Aínda, a inestabilidade da normativa urbanística e de vivenda acaba por ser un problema engadido, pois o que debería ser unha cuestión de consenso nacional vense convertendo en moeda de troco político, o cal non favorece para nada o desenvolvemento serio en calquera ámbito que dependa da ordenación territorial e urbana. Alén diso, cumpre lembrar que a normativa urbanística debería ser desenvolvida e controlada en primeira instancia polos concellos galegos, cousa que tampouco garante o proceso, por diversos motivos.

Está claro que a normativa actual tende a crear un modelo repetitivo que non permite a evolución ou mellora, mais ao tempo que tampouco garante a recuperación social ou arquitectónica dos núcleos rurais e que mesmo fai depender de xeito perigoso cos ciclos de demanda ou bonanza económica das actividades turísticas, arriscándose á desaparición do modelo por cuestións económicas ou mesmo de perda de interese (van camiño dilo co desleixo crecente na promoción oficial da Cultura e identidades propias). Iso sen esquecer no énfase na “folklorización” e banalización das tradicións que non é precisamente unha vía cultural encamiñada a obter un turismo de calidade e mesmo de probábel inversión material.

Entre 80 e 360 mil euros por grupos de 14 casas. A que responde ese prezo, é realista ou é un reclamo?

O prezo non é real, pois estamos a falar na meirande parte dos casos de conxuntos edificatorios de moita calidade arquitectónica pero tamén, ao tempo, completamente inhabitábeis. Quer dicir, que o prezo real debe contemplar tamén a rehabilitación, non só das vivendas, senón tamén do conxunto do asentamento (do conxunto rurbán, poderíamos dicir) tanto na infraestrutura existente (rúas, rede eléctrica, se houber) como na precisa para os novos usos (traída e depuración de augas residuais, telecomunicacións, etc.), polo que o prezo para a posta en funcionamento pode superar con moito o de compra.

Malia todo, tampouco hai mecanismos que eviten a especulación pura, pois nada garante que esas aldeas cheguen a ser rehabilitadas, co cal o prezo pode chegar a ser un regalo en segundo que aspectos.

Cal sería a súa solución para evitar que estes grupos de vivendas do rural acabasen caendo?

Non hai solucións máxicas, de certo, mais si posibilidades polas que hai que traballar e investigar. Sen dúbida o primeiro paso e a mellora das comunicacións físicas e electrónicas, de xeito que sexa doado e económico tanto o traslado como a conexión entre os diferentes núcleos habitados da Galiza, para logo comezar a repensar as estratexias de recuperación, mantendo a do turismo pero como unha máis dun amplo abano que inclúa tamén outras actividades produtivas e a promoción do I+D+i. Está claro que o ideal é a convivencia de gandería, agricultura, turismo e servizos nunha mesma trama e potenciando ao máximo as sinerxías entre actividades. Iso suporía recuperar unha poboación estábel ao longo de todo o ano, non dependente de temporadas turísticas ou xeiras económicas, e tamén dar sentido ás edificacións e aos vellos oficios, mais, ao tempo, inserir novas ideas. Porque non comezar a traballar, como xa hai tempo fan noutros países da Europa, en sistemas de depuración de augas por medio de sistemas ecolóxicos con plantas macrofitas?, ou reducir o tamaño dos sistemas produtores de enerxía como muíños ou placas solares fotovoltaicas á escala das vivendas, integrándoas moito mellor no entorno e facendo que gañen en efectividade? Tamén debemos contar con que a investigación da forma rurbana e do medio ambiente histórico e social pode dar bases de proxectación e rehabilitación sensatas e consistentes.

Hai moitas posibilidades, aínda que é a imaxinación a única que pode fornecer solucións, sempre na base de ofrecer alternativas reais á xente que decida colaborar no rexurdimento das aldeas, e iso supón, lembramos unha vez máis, unha comodidade nos desprazamentos e nas telecomunicacións, principal eiva no sistema territorial actual da Galiza.

E por suposto, imprescindíbel frear a progresiva desidentificación e aculturación fomentada por certos sectores e que vai camiño do desmantelamento do sistema produtivo e cultural galego, coa desaparición dos nodos de atracción que son os que poden manter o turismo e, ao tempo, as alternativas de creación e produción nas que basear o futuro.


comments powered by Disqus